Trátase dun home de 73 anos, José A. Baldomir. Era o maior de dous irmáns, tiña tres fillos e levaba moitos anos como emigrante en Suíza. De feito estes días estaba de retorno, como adoitaba facer polas festas do Corpus e da Inmaculada, que son as principais celebracións desta parroquia carballesa de Noicela. O suceso produciuse na vivenda da súa propiedade, situada na estrada DP-1916 que une a vía de Carballo a Caión coa praia de Baldaio. Segundo reportan veciños da zona, José estaba a realizar tarefas de mantemento na vivenda e esperaba un fontaneiro, o cal ao acudir ao domicilio non logrou a súa resposta. Ademais tamén o botaron de menos no restaurante de Baldaio ao que ía comer. Deste xeito saltou a voz de alarma e ao lugar desprazouse unha patrulla da Garda Civil que requiriu a intervención dos bombeiros de Carballo para acceder á vivenda, onde acto seguido localizaron o corpo sen vida de José. Tras o levantamento do cadáver, leste foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) para realizarlle a autopsia e determinar así os motivos da súa morte, aínda que todo apunta a que foron causas naturais.