Foi unha persoa particular quen informou ao 112 Galicia da situación preto das 12:15 horas deste domingo. Neste momento, o alertador contactou co 112 Galicia para indicar que acababa de atopar un coche sinistrado no lugar de Lexas. Segundo a información facilitada aos xestores de emerxencias, o vehículo caeu ao río, cando circulaba pola estrada que une o Polígono de Lendo e A Torre (no concello da Laracha). Ademais, engadía que era capaz de distinguir a un corpo nas proximidades do vehículo.
De contado, os xestores do 112 puxeron en marcha un dispositivo que contou coa intervención dos Bombeiros de Carballo, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, dos membros de Protección Civil da Laracha e tamén profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento tiveron que intervir para sacar do río ao corpo sen vida do condutor.
O equipo médico desprazado ata o lugar dos feitos soamente puido confirmar o falecemento do varón, un veciño do lugar.