A Policía Nacional despregou un operativo de busca para tratar de localizar os dous autores dun atraco que se rexistrou a primeira hora da tarde deste venres nunha sucursal bancaria de Vigo.
O asalto tivo lugar nunha oficina de Abanca na rúa Cronista Rodríguez Elías, na zona da Florida. Os autores do atraco, que levaban pistola e unha arma branca, fuxiron nun turismo antes da chegada da Policía e non se rexistraron feridos.
Tras maniatar con bridas todo o persoal do banco e un cliente, os atracadores esperaron os dez minutos de retardo da apertura da caixa forte para facerse co botín, aínda sen cuantificar, polo que a Policía pensa que son profesionais.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Científica para recoller pegadas que poidan axudar a identificar os delincuentes. Horas despois, os traballadores confirmaban no lugar do suceso que non sufriran danos físicos.