Atrancan un contedor na pista de acceso ao Monte Neme

  • Suponse que terá unha finalidade en concreto, aínda que estético non é, e tampouco existe ningunha sinalización respecto diso por ningunha das caras da pista.

Un contedor apareceu atravesado cortando un dos accesos máis transitables á zona do Monte Neme. Concretamente a “móle” metálica atópase a escasos metros da «Eira das Meigas», polo acceso pegado á antiga canteira, ao que se chega desde Cances.

Dous contedores co adhesivo de Tragsa situáronse nesa zona hai meses cando comezou o valado perimetral do que foi a canteira, posiblemente para salvagardar ferramentas dos traballadores da obra, pero diso hai xa un ano e os contedores alí seguiron ata que foron saboteados, con portas e cristais rotos.

O que veu axudar a eliminar o foco perigoso converteuse nun novo foco. Descoñecemos se é un intento da autoridade competente para que non se siga subindo por esa zona, ou se é unha canallada máis, que tamén podería ter pinta. Queda un acceso paralelo aínda que bastante peor transitable.

En calquera caso, a peregrinación continúa á bautizada como «ruína da corrupción», onde Leitosa extraeu cuarzo e áridos sen que a Xunta de Galicia lle esixíse un aval que garantise a restauración da zona ao terminar a produción. O que si recibiu a empresa da Administración autonómica foi máis de medio millón de euros en axudas públicas, agora leva xa oito anos abandonada.