Atropelo mortal en Carballo

A Galleguiña. Lugar onde se produciu o atropelo e onde tamén faleceu atropelada unha muller en marzo de 2019_Arquivo.

Pasados uns minutos das 9 da mañá deste xoves tivo lugar un accidente na estrada comarcal 552 que une A Coruña e Fisterra, concretamente na parroquia de Bértoa, á altura da intersección do cruce que vai cara a Berdillo, preto do punto coñecido como A Galleguiña.

Segundo testemuñas presenciais, unha señora, de mediana idade e veciña do lugar de O Añón, apeouse do autobús procedente de Arteixo e ao tentar cruzar a calzada foi atropelada por un vehículo Peugeot que circulaba en dirección A Coruña, o impacto foi de tal magnitude que a muller saíu despedida contra unha casa falecendo case no acto.

Ao lugar acudiron unha ambulancia asistencial, Protección Civil de Carballo e un helicóptero medicalizado, que nada puideron facer por salvarlle a vida. A Garda Civil de tráfico instruíu as correspondentes dilixencias no lugar do suceso, onde se crearon retencións considerables de vehículos dada a hora punta da mañá.