Audasa, absolta por cobrar peaxes durante as obras de Rande

Cedida.

A sección primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra absolve a concesionaria e nega que incorrese nunha práctica abusiva por cobrar íntegras as peaxes da autoestrada entre febreiro de 2015 e maio de 2018. Deste xeito, Audasa non terá que devolver o importe das peaxes cobradas na AP-9 mentres se fixo a ampliación da ponte de Rande. Tampouco deberá pagarlle unha indemnización aos condutores que sufriron atrasos ou prexuízos por mor dos atascos e retencións rexistrados durante as obras. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informa que o ditame anula a sentenza do pasado mes de febreiro emitido polo Xulgado do Mercantil número 1 que condenaba a empresa a restituírlles o importe cobrado de xeito “abusivo” ás persoas afectadas.