Augas de Galicia autoriza o vertido de augas residuais da mina de San Finx, en Lousame

1 minutes read

Augas de Galicia vén de emitir a resolución de autorización de vertido ao río Pesqueiras (ou rego de Rabaceiros) de augas residuais depuradas procedentes da Mina de San Finx, situada en Vilacova, no concello de Lousame, supeditada ao cumprimento de 18 requisitos e á atención estrita das normas de calidade ambiental.

A entidade hidráulica da Xunta examinada toda a documentación relativa a este expediente e ao proxecto de solicitude de vertido, no que se inclúe todas as alegacións presentadas e as correspondentes respostas motivadas, remite esta resolución á responsable da explotación mineira, a empresa Tungsten San Finx, S.L., e aos interesados.

Na resolución adoptada, Augas de Galicia inclúe os 18 condicionantes que debe cumprir a titular da explotación para a correcta xestión das medidas de depuración de vertido, na súa obriga de cumprimento dos obxectivos de calidade do medio receptor e cos dereitos de terceiros.

Augas de Galicia tamén fixa o prazo de execución das obras necesarias nos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións, que deberán estar finalizadas no prazo de catro meses, ademais de cumprir tamén cos condicionantes específicos na zona de policía.