Augas de Galicia executa a limpeza do treito interurbano do rego do Castro, en Culleredo

1 minutes read

Estes traballos estanse a desenvolver nun treito de 350 metros de lonxitude, ao seu paso pola parroquia de Santa María de Rutis.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións contribuirán á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.