Augas de Galicia executa actuacións de conservación de distintos ríos nos concellos de Arteixo e Culleredo

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de limpeza de conservación nos tramos interurbanos de distintos rios nos concellos de Arteixo e Culleredo.

Estes traballos de mantemento lévanse a cabo no caso do Concello de Arteixo, nos tramos interurbanos do río Vidueiro, no lugar de Pedregal, e no afluente do río Pastoriza, na rúa Magdalena Kiel (Meicende). E as actuacións dos operarios de Augas de Galicia no Concello de Culleredo céntranse no rego de Pereiras, no lugar de Barrio, e no río Castro, no lugar que vai desde rúa Muiño a río da Cova.

As tarefas consisten na roza de maleza das marxes e que invade o leito, na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións se enmarcan no programa de mantemento de Augas de Galicia, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos da administración hidráulica da Xunta permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.