- O investimento, que alcanzará 1,8 millóns euros, faise con visión de futuro
O Consello da Xunta autorizou este venres o convenio entre o Concello da Laracha e Augas de Galicia para executar a primeira fase da mellora da rede de abastecemento municipal. Este acordo, aprobado no pleno do mes de xullo, fora calificado polo alcalde, José Manuel López Varela, como «potente» permitindo «mellorar a traída en todo o territorio».
O convenio inclúe a creación dun novo depósito de auga e unha estación de bombeo coas súas correspondentes canalizacións. Esta mellora faise pensando no futuro, tomando en consideración o progresivo aumento de poboación que se está a rexistrar no termo municipal.
O investimento previsto nese acordo sitúase en 1.850.000 euros, aportando a Administración local 370.000 euros mentres que Augas de Galicia financiará os 1.480.000 euros restantes. As obras executaríanse entre os anos 2021 e 2022. O Concello, ademais, comprométese a poñer a disposición dao organismo autonómico os terreos necesarios para a execución dos proxectos.