A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou no Parlamento de Galicia da sanción a Endesa, por importe de case 1,9 millóns de euros, polo episodio de turbidez que tivo lugar o pasado verán no río Eume.
Teresa Gutiérrez interveu hoxe na Comisión 2ª da Cámara galega, onde abordou a aprobación esta semana, no Consello Reitor de Augas de Galicia, desta proposta de resolución sancionadora, froito dun procedemento iniciado en outubro do ano pasado.
Explicou que esta resolución é consecuencia do incumprimento das condicións do réxime de explotación por parte da empresa concesionaria do encoro do Eume e pola desatención dos requirimentos efectuados desde Augas de Galicia.
Detallou que este encoro ten unha cota máxima e mínima de explotación de 318 e 306 metros sobre o nivel do mar, respectivamente, aprobada nas Comisións de Desaugamento da zona Norte de Augas de Galicia. Non obstante, indicou que Endesa, a partir do 27 de xullo de 2020 descendeu a cota por debaixo do mínimo aprobado.
Ademais, precisou que a empresa desatendeu o requirimento de seguridade que efectuou Augas de Galicia o 8 de agosto para que cumpriran co réxime de explotación, garantindo en todo caso o mantemento do caudal ecolóxico fixado para as augas abaixo da presa.
Lembrou que Endesa, a pesar das anteriores advertencias, proseguiu o baleirado ata o 28 de agosto, data na que decide paralizar o proceso ao apreciar a aparición de turbidez nas augas. Sinalou que estes feitos constitúen infraccións tipificadas no artigo 85 da Lei de augas de Galicia.
Exíxelle ademais á concesionaria do encoro os custos derivados dos danos ao dominio público hidráulico.