A cifra de detidos en relación co transporte de 4.000 quilos de cocaína que portaba un buque interceptado preto de Canarias ascende a 27, informou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Quince dos detidos son os tripulantes do barco interceptado, con bandeira de Togo, todos eles africanos menos un galego. O resto de arrestos producíronse en terra en diferentes puntos da provincia de Pontevedra, concretamente na comarca de Arousa.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra detallou que destes últimos sete permanecen nos calabozos da Policía Nacional de Vigo e cinco na de Pontevedra, pendentes de pasar a disposición xudicial. Está prevista a chegada ao porto de Vigo do buque asaltado en altamar polas forzas de seguridade e que está a ser escoltado ata terras galegas. A operación foi desenvolta por GRECO Galicia e a brigada central de estupefacientes da provincia de Pontevedra.