Aumentan as infraccións por exceso de velocidade nas estradas galegas

A Garda Civil de Tráfico detectou que no que levamos de ano aumentaron as infraccións por exceso de velocidade nas estradas galegas. Os datos achegados revelan que a diferenza entre os cinco primeiros meses do ano 2018 en contraposición aos do 2019 é maior neste último, polo que os axentes policiais móstranse preocupados.

O xefe da Garda Civil de Tráfico de Galicia, o tenente coronel Francisco Javier Molano Martín, indicou que, en xeral, a xente «respecta menos» os límites de velocidade, os condutores están a cometer máis infraccións e é «un factor concorrente» en moitos accidentes de circulación.

Estas declaracións realizáronse nunha comparecencia na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Alí, Molano Martín xunto ao xunto ao capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil, Leovigildo Villares, e o brigada Mariano Jiménez, responsable de atestados de Tráfico en Pontevedra, analizaron o accidente que se produciu a semana pasada na AP-9, onde faleceron tres mozos de 17 anos.

O tenente coronel Molano declarou que aínda se descoñece se a velocidade foi o detonante do accidente, e que o Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) da Garda Civil será o encargado de simular en Pontevedra o accidente, para analizar con máis detalle o acontecido.

Molano manifestou que a velocidade é unha das tres principais causas dos sinistros, xunto co consumo de alcol e drogas, ademais das distraccións ao volante. Ademais, confirmou que no que levamos de ano hai menos sinistros comparando os datos cos do 2018, pero o número de falecidos e feridos graves aumentou.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha