Aumentan nun 15 % os usuarios do punto limpo da Laracha

Visita da conselleira de Medio Ambiente ao punto limpo da Laracha._Arquivo.

Os datos da actividade desenvolvida en 2019 tanto nas instalacións do punto limpo da Laracha como nos servizos complementarios que desde alí se ofrecen á poboación reflicten un incremento no número de usuarios do quince por cento con respecto ao ano anterior.
No curso recentemente rematado acudiron ao punto limpo, no lugar de O Formigueiro, 850 persoas e outros 328 laracheses solicitaron a recollida de voluminosos a domicilio. Por tanto, en total foron 1.178 os usuarios de ambos servizos.
Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) é a concesionaria da xestión. Como datos máis significativos recabados pola entidade, desde o punto limpo da Laracha foron xestionados para o seu posterior tratamento en centros especializados:
• 1.443 litros de aceites vexetais e minerais.
• 9,5 toneladas de plásticos duros.
• 95 toneladas de voluminoso, correspondendo máis da metade a colchóns e sofás.
• 140 quilos de tecidos
• 568 quilos de envases con restos de sustancias tóxicas ou perigosas.
• 4.860 quilos de vidro plano.
• 46 toneladas de aparellos electrónicos, equipos informáticos e electrodomésticos (televisores, frigoríficos, conxeladores, ordenadores, radios, etc).
• 94 toneladas de restos de obras (tellas, metais, pintura, etc.).
• 53 toneladas de madeira.
• 400 quilos fluorescentes desbotados.
• 462 quilos de baterías e acumuladores.
• 240 quilos de pilas.

Aspaber tamén se encarga da recollida dos contedores azuis e dos iglús verdes en todo o termo municipal da Laracha. Neses recipientes –ademais das cantidades pouco significativas levadas directamente ao punto limpo- os laracheses depositaron en 2019 un total de 219,2 toneladas de envases de vidro e 108,2 toneladas de papel e cartón.
O Concello da Laracha agradece á veciñanza o seu esforzo na separación dos residuos, unha cuestión esencial para facilitar o seu posterior tratamento e reciclado por parte de xestores especializados. Cabe lembrar que o punto limpo é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios situado xunto á ponte do Formigueiro, moi preto do casco urbano da capital municipal. Está aberta ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados en horario matutino. O servizo de recollida de voluminosos a domicilio (mércores, xoves e venres pola mañá) tamén é gratuíto e pode concertarse cita poñéndose en contacto con Aspaber por vía telefónica ou por correo electrónico.
Os datos que deixa a xestión do punto limpo e da súa actividade complementaria ao longo de 2019 avalan a plan do equipo de goberno local, que ao longo do actual mandato prevé ampliar as instalacións para dispoñer dun maior espazo e poder crear novos servizos para a cidadanía, facilitando así a xestión responsable dos residuos.