Segundo informa o Concello, durante o estado de alarma, dende que empezaron a permitirse os paseos, multiplicáronse os desprazamentos a pé e en bicicleta. “Encántanos ver tanta xente camiñando e tantas bicis en Carballo”, sinala o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane. Dende o seu punto de vista, o proxecto Cicl-Ando Carballo vai marcar un antes e un despois na nosa maneira de movernos, sen esquecer que a súa posta en marcha suporá unha redución do consumo enerxético de máis dun 15%.
Cicl-Ando Carballo inclúe o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas que nos permitirán movernos a pé ou en bici entre a zona urbana de Carballo, o polígono industrial de Bértoa e Razo sen necesidade de pisar o asfalto. O proxecto prevé tamén a creación dunha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. O orzamento acada os 2.141.618,86 euros e a Unión Europea achegará o 80%, o máximo posible.
A mobilidade sustentable é clave na protección do medio ambiente. No Concello de Carballo apostan polo fomento dos desprazamentos a pé e en bicicleta a través de iniciativas como o Metrominuto, a instalación de aparcabicis ou a limitación da velocidade a 30Km/hora na zona urbana, que aporta unha maior seguridade a peóns e ciclistas.