- O que fose candidato dos populares e a súa número tres nas últimas eleccións municipais asumen que os resultados non foron os esperados e agradecen o traballo do seu equipo.
Despois de analizar os resultados obtidos pola súa formación, que perdeu un concelleiro respecto das municipais do 2015, pasando de cinco a catro representantes, Aurelio Núñez e Margarita Varela coinciden en que “é o momento de botarse ao carón e deixar paso a outra xente. Debemos asumir o que elixiron os veciños de Carballo e abrir unha nova etapa no Partido Popular deste municipio”.
“Foron meses de moito traballo nos que tentamos facer todo o posible para convencer á xente de Carballo de que eramos unha alternativa real e cun proxecto de futuro para o municipio. Non conseguimos o que pretendiamos, pero quero agradecer a todos os que estiveron ao noso lado e a todos os nosos votantes a súa confianza”, afirmou Núñez, quen confirmou que seguirá centrado na súa labor como deputado autonómico.
Por outra banda, o popular referiuse tamén ao futuro da súa formación a nivel local. “Na lista queda xente xoven moi preparada, con ganas de seguir á fronte deste proxecto, coa ilusión necesaria para abordar catro anos de oposición e dispostos a preparar ao partido para as próximas eleccións autonómicas”, concluíu Núñez.