O Partido Popular de Carballo celebrou este sábado o seu mitin central no Pazo da Cultura de Carballo. Aurelio Núñez expuxo as liñas mestras do seu proxecto para renovar un concello estancado despois de 16 anos de goberno do BNG, dixo.
Abriu a rolda de intervencións Belén Mato, unha das integrantes da candidatura, recordando o bo traballo do Partido Popular cando estivo gobernando o concello e eloxiando ás compañeiros e compañeiros desta nova etapa: “Un equipo renovado, que mistura a frescura da xuventude coa sabedoría e a experiencia. É a candidatura de Aurelio Núñez, a que todos debemos apoiar porque recolle o mellor de nós. Todos eles teñen a responsabilidade e a ilusión necesaria para esta difícil tarefa”.
O momento central do acto chegou coa intervención do candidato a alcaldía Aurelio Núñez. Despois dunha breve presentación insistiu na necesidade que Carballo ten dun relevo no goberno. Explicou que o BNG acabou acomodándose despois de tantos anos no poder e apuntou que, se o concello quere seguir medrando, é necesaria unha alternativa: “Consideramos que estamos diante dun goberno nacionalista esgotado, aburrido, acomodado e con nula iniciativa. Un goberno que nos últimos oito anos non puxo en marcha nin un só proxecto de envergadura. Carballo merece máis ca isto. É importante que o noso concello volva ser o motor da comarca de Bergantiños”.
Infraestruturas e mobilidade
Aurelio Núñez ten na súa lista de prioridades mellorar as infraestruturas de Carballo. Primeiro, pola necesidade de darlle un pulo ás conexións co resto de concellos da contorna: “Imos expoñer un mapa de infraestruturas a nivel local, pero tamén as que necesitan impulsarse grazas ao investimento do resto de administracións públicas. Imos pedir o que Carballo necesita. Goberne quen goberne en cada unha das administracións. Temos presente unha necesidade básica: necesitamos a estrada de circunvalación. Defendemos a súa construción por fases diante do elevadísimo custo do proxecto íntegro. Os empresarios dos polígonos de Laracha e Carballo demandan unha conexión da autovía da Costa da Morte coa estrada de Santiago”.
Tamén lamentou que que os problemas de mobilidade afecten ao centro da vila: “As vías urbanas, neste caso de competencia municipal, teñen eivas que non foron resoltas nos 16 anos de goberno do BNG, de goberno de Evencio. Nada máis chegar modificaremos o plan xeral para levar a Vila de Negreira ata a rotonda do polígono de Bértoa, o mesmo que a Rolda Oeste, prolongando as rúas Luis Calvo e Perú ata o propio polígono e A Revolta. Ensancharemos a rúa Emilio González, que une a rotonda da milagrosa coa estrada de Santiago, o que permitirá o enlace sen os graves problemas que xera a súa escasa anchura para os camións que pasan por ela”.
Segundo o candidato, outro dos inconvintes para desprazarse por Carballo é o deseño do tráfico, “que unicamente provoca caos e atascos”, e a nova limitación de velocidade: “É urxente corrixir a limitación de 30 kilómetros por hora. Ninguén nega que as carballesas e carballeses deben ter garantida a súa seguridade cando pasean polo centro. Que poidan andar tranquilamente sen medo a sufrir un accidente. Outra cousa moi distinta é que a limitación se active nas vías de saída e entrada cara Malpica, A Coruña ou Santiago. Cal é a motivación? Pois recadar, como amosan os orzamentos de 2019, no que a previsión das cantidades ingresadas por multas aumentan un 25 por cento”.
Non quixo esquecerse o candidato dos problemas que tamén se lle presentan día a día ás carballesas e carballeses que se desprazan a pe. A accesibilidade das beirarrúas e a súa adaptación para as persoas con mobilidade reducida tamén tiveron oco no seu discurso, no que que ademais houbo tempo para o compromiso de aumentar o número de sendas peonís e zonas verdes.
Responsabilidade social
A outra preocupación principal do Partido Popular de Carballo está sendo a escasa inversión social do goberno nacionalista. Núñez comprometeuse a aumentar as axudas económicas ás entidades sociais nada máis chegar ao concello: “O Partido Popular mira pola xente. As políticas sociais serán outra pata fundamental do noso proxecto. Co BNG no goberno, Carballo recibiu dous anos consecutivos o premio de dubidosa honra ‘Corazón de pedra’, adxudicado pola asociación de xerentes e directivos de servizos sociais aos concellos que menos invisten neste campo”.
Pero o apoio a organizacións tan importantes para a comarca como APEM, ASPABER, AFABER ou Vieiro irá máis alá do punto de vista orzamentario: “Todas elas están desatendidas desde o concello, tamén no plano administrativo, obrigándoas a pasar por infinidade de trámites burocráticos. Nós estaremos sempre do seu lado, atendendo as súas peticións no día a día. Axudando a AFABER a conseguir un local para o magnífico traballo que desenvolven, ou rehabilitando as antigas vivendas dos mestres na rúa Vázquez de Parga para que poidan servir de sede a estas organizacións ”.
Non se esqueceu de todas as agrupacións deportivas que tanto fan por Carballo, cunha proposta que descansa sobre tres puntos clave: “Duplicar as axudas económicas, reducir ao mínimo a burocracia e incrementar as instalacións deportivas”.
Escoita, previsión e planificación
O candidato popular pechou o seu discurso co compromiso de mellorar a economía e o emprego, centrándose sobre todo no pequeno comercio e a feira, “loitarei desde o primeiro día para que devolverlle o prestixio que tivo e que merece”.
Non sen antes despedirse anunciando as facetas innegociables da súa idea de goberno: “Gustaríame que saiades de aquí coa sensación de que o Partido Popular ten un plan para gobernar. Acabouse o tempo da improvisación, do acomodo. Ofrecemos unha xestión municipal baseada na escoita activa, o diálogo, a participación cidadá e o consenso”.
Unha forma de gobernar, concluíu Aurelio Núñez, global: “Gobernaremos para todos. Darémoslle a mesma importancia ao centro da vila que aos barrios, para os que temos previstos plans de recuperación. Ou a calquera parroquia do concello, para as que crearemos a concellería do rural, que atenderá as súas necesidades día a día”.