Aurelio Núñez presentou un equipo cheo de ilusión para gobernar Carballo

2 minutes read

O Partido Popular de Carballo presentou este venres a súa lista de candidatos para as próximas eleccións municipais. Nun acto celebrado no Bosque, Aurelio Núñez deu a coñecer o seu equipo de traballo, un grupo “magnífico de mulleres e homes que mesturan experiencia e frescura. Xente que estivo ligada ó partido desde sempre e incorporacións novas que teñen moito que ofrecer”.

En compañía de 200 veciñas e veciños de Carballo, o candidato expuxo as liñas mestras do seu proxecto. Explicou propostas para o casco urbano, para mellorar a saúde dos barrios e, sobre todo, para coidar as parroquias.
Aurelio adiantou a creación da Concellería do Rural “para elaborar plans directores que resolvan os problemas do abandono ao que as parroquias foron sometidas nos últimos 16 anos. Abastecementos de augas, saneamentos, asfaltados de pistas, limpeza de cunetas, recuperación de puntos de luz e adecuación da recollida de lixo ás necesidades de cada lugar”.


A conexión da autovía coa estrada de Santiago
Houbo tempo tamén para falar da mobilidade, un dos problemas que máis preocupa ás carballesas e aos carballeses. Son prioridades a revisión da ordenanza municipal de tráfico e da redución de velocidade a 30 kilómetros por hora no casco urbano “pensada para incrementar a recadación por multas”.
Unha das iniciativas máis importantes do programa do Partido Popular será a conexión da autovía da Costa da Morte coa estrada de Santiago: “Comprometemos a nosa esixencia diante da administración galega para que se proxecte a construción da circunvalación de Carballo, dixo Aurelio. Estamos convencidos de que é o momento. Unha construción por fases que comezaría coa conexión entre a saída da autovía no límite de Coristanco e a estrada provincial DP 1914, a estrada de Santiago”.

Tamén en termos de mobilidade, e xa dentro das competencias municipais, Aurelio comprometeuse a acometer a prolongación da Vila de Negreira ata a rotonda do polígono de Bértoa e a executar a Rolda Oeste, prolongando as rúas Luis Calvo e Perú ata o polígono e A Revolta.