Aurelio Núñez reitera o seu compromiso para a construción da circunvalación de Carballo

1 minutes read

O candidato do Partido Popular asegura que “a situación económica cambiou e cremos que é o momento”.

Aurelio móstrase sorprendido pola reacción do BNG recordándolle que terá que manter esa promesa despois das eleccións: “Para incumprimentos xa temos a este goberno, con exemplos claros como o do carril-bici en Razo, tan reclamado no seu momento con pancartas, ou a reivindicación de facer gratuíta a autovía entre Carballo e A Coruña, xa antes da época do Bipartito. A día de hoxe segue sen haber carril-bici, e lonxe de eliminar as peaxes, cando o BNG estivo no goberno autonómico non fixo máis que incrementalas”.

O candidato popular lamenta que o goberno nacionalista recoñeza abertamente a súa incapacidade para chegar a acordos que fagan realidade proxectos vitais para Carballo. Non deixa de ser curioso que o BNG estea máis pendente de criticar ao Partido Popular de Carballo que de facer propostas para solucionar os problemas que non arranxaron en 16 anos.

Aurelio insiste no seu compromiso coa circunvalación e espera que Evencio tamén de comprometa publicamente a cumprir as súas promesas electorais como o propio carril-bici, a cidade deportiva do Bosque ou a ampliación da Vila de Negreira.

Sorpresa pola aposta do BNG polo rural

Por outra parte, o Partido Popular tamén quere mostrar a súa sorpresa ao ver que o actual alcalde se acorda agora do rural despois de ter gobernado durante 16 anos. Esa “aposta integral” chega tarde e reflexa o abandono total das parroquias, que se manifesta ademais na cantidade demandas veciñais recollidas nos distintos consellos parroquiais.