A poboación da maior cidade de Australia leva semanas confinada para tratar de frear a variante Delta do coronavirus, pero, aínda así, non é suficiente. En 24 horas rexistráronse máis de 460 novos casos, o que levou ás autoridades a endurecer aínda máis as medidas, con multas máis elevadas e un maior despregamento policial. Ao redor de 8 millóns de australianos están confinados, o que representa case un terzo da poboación. Iso inclúe aos habitantes das dúas maiores cidades, Sídney e Melbourne, e da capital, Camberra.
China vacúa a millóns de adolescentes
Namentres, China acelera a vacinación dos seus adolescentes de entre 12 e 17 anos. Ao redor de 60 millóns xa foron inmunizados. As autoridades aseguran que están a conseguir controlar o peor rebrote de COVID-19 do últimos sete meses. Apareceron multitude de focos da variante Delta en 48 cidades de 18 provincias, aínda que o número total de contaxios comunicados é limitado, con pouco máis de 1900 casos activos.
Israel aplica a terceira dose de Pfizer a maiores de 50 anos e persoal sanitario
Vacinar, vacinar e vacinar. Ese é tamén o obxectivo de Israel, que ampliou a aplicación da terceira dose da vacina de Pfizer a todos os maiores de 50 anos, así como ao persoal sanitario. O primeiro ministro israelí, Naftali Bennet, anunciou que se vacinará mesmo en sabbat, o día de descanso obrigatorio dos xudeus.