Autocross | Tomás Aranda e Perfecto Calviño, no podio de División 1 en Carballo


Pouco rédito puideron obter os pilotos do equipo Yacar Racing esta pasada fin de semana no Autocross de Carballo, cuarta proba da tempada do Campionato de España de Autocross que se celebraba no circuíto municipal da comarca de Bergantiños e na que, loxicamente, estaban depositadas moitas esperanzas de obter bos resultados, e que tan só chegarían en División 1 co podio de Tomás Aranda e Perfecto Calviño, segundo e terceiro respectivamente.

Puido Perfecto Calviño facerse coa que sería a súa sexta vitoria en Carballo despois de ser o máis rápido da fin de semana, dominando a manga de cualificación e as tres clasificatorias, pero na arrancada da final un dos motores deixaba de funcionar durante uns segundos e ademais recibía un toque doutro participante que lle impedía chegar á primeira curva por diante. Peor lle foi a Sandra García, que tras un bo crono na cualificación (segunda) e unha boa primeira clasificatoria, tamén segunda, na terceira, xa o domingo, envorcaba nada máis arrincar ao quedar atrapada entre outros dous coches. Afortunadamente podería reparar para saír na final, aínda que sen que funcionase a marcha atrás, o que sería definitivo para que non puidese realizar máis que uns poucos metros ao quedar atrapada contra o noiro nada máis arrincar, debido a outro toque.

Tamén había moitas expectativas depositadas en Car Cross coa presenza de Javier Ramilo ‘Kobas’ e Darío Calviño. ‘Kobas’ era segundo na cualificación e vencía en dúas series das mangas clasificatorias mentres na outra concluía segundo. Con todo, un golpe doutro participante nada máis iniciar a final enviáballe á última praza, logrando remontar ata a undécima. O outro piloto cun Yacarcross era Darío Calviño, que accedía á mesma tras gañar a final B e que despois de moitos problemas ao longo da fin de semana con discretas clasificatorias conseguía remontar ata unha, finalmente, notable sexta posición que, dadas as circunstancias, supón sumar uns puntos moi importantes.

Car Cross Júnior estivo protagonizada polo mellor tempo na cualificación do Yacarcross de Diego Martínez, pero ao que se lle escapaba o terceiro lugar do podio nos últimos xiros da final, concluíndo quinto.

Con nove Yacarcross en Car Cross Promoción, a marca con maior representación, e cunha manga de cualificación onde os mellores eran Diego Pandelo e Rubén Barreiro, sétimo e oitavo respectivamente, Gorka Ezenarro, Eros Ceballos e o case debutante Pablo López accedían directamente á final A mentres que desde a B facíao Diego Pandelo, onde o mellor clasificado sería Pablo López, quinto.