Autorizada a contratación das obras do Centro de ciberseguridade de Galicia

1 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace á contratación das obras para a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia nos terreos do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, que suporá un investimento de máis de 6 M€.

Tal e como explicou o presidente, o novo centro nace co obxectivo de “fortalecer a ciberseguridade” na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; “fomentar o desenvolvemento de proxectos vencellados á ciberseguridade” e promover o emprendemento neste eido.

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé licitar as obras ao longo deste mes de agosto, para poder adxudicalas no outono e empezalas a principio do 2024. O obxectivo co que se traballa é poder poñer en marcha o novo centro no ano 2025, xa que as obras contan cun prazo de execución de 20 meses.

O edificio que albergará o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, cunha superficie útil de máis de 2.100 m2. O edificio configúrase en catro bloques rotando sobre un espazo central, de planta circular e formato poligonal, que albergará as funcións para o que é concibido.