Autorizada total ou parcialmente a práctica da pesca recreativa en 107 dos 122 peiraos

3 minutes read

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución que autoriza a pesca non profesional en superficie de xeito total ou parcialmente en 107 dos 122 peiraos de titularidade autonómica. Deste xeito a Xunta levanta no 85% das dársenas unha restrición que estaba vixente desde 1972 en todos os portos de acordo tanto coa lexislación estatal como galega.

A nova normativa clasifica os portos en tres niveis en función da posibilidade de acoller a pesca recreativa entre as súas actividades. Así, establece un total de 28 portos libres de toda limitación, 79 nos que se permite esta práctica condicionada por zonas ou horarios e 15 nos que non se pode realizar esta actividade por razóns de seguridade ou operatividade portuaria.

Os 28 portos que quedan libres de toda restrición son Rinlo (Ribadeo), Nois (Foz), Portocelo (Xove), Bares (Mañón), Espasante, O Seixo (Mugardos), Perbes, Mera, Santa Cruz, Santa Mariña de Ponteceso, Ézaro, Os Muíños (Muros), O Conchido (Outes), A Barquiña de Noia, Noia, Boa (Porto do Son), Ameixido (Ribeira), Insuela (Ribeira), Ancados (Boiro), Taragoña (Rianxo), Rañó (Rianxo), San Miguel de Deiro (Vilanova de Arousa), As Sinas (Vilanova), Cabodeiro (A Illa de Arousa), Covelo (Poio), Santa Marta (Baiona), Oia e Goián (Tui).

En canto á imposibilidade de realizar esta práctica, segue vixente en 15 peiraos: Redes (Ares), San Pedro de Visma (A Coruña), Quenxe (Corcubión), Testal (Noia), Ribeira, Carril (Vilagarcía), O Xufre, Sanxenxo, Raxó, Beluso, As Corbaceiras (Pontevedra), Aldán, Moaña, Santa Cristina de Cobres e A Pasaxe (A Guarda).

Os restantes 79 portos permiten a pesca baixo condicións de zonas ou horarios. Por zonas administrativas, na Zona Norte a pesca recreativa estará permitida, libremente ou con condicións de zonas ou horarias, en Ribadeo, Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao, Morás, Portocelo, Celeiro, Viveiro, O Vicedo, O Barqueiro, Bares (Mañón), Espasante, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Maniños-Barallobre, O Seixo e Mugardos.

Na Zona Centro autorízase total ou parcialmente en Ares, Pontedeume, Perbes, Miño, Betanzos, Sada, Lorbé, Mera, Santa Cruz, Suevos, Caión, Razo, Malpica, Barizo, Santa Mariña de Ponteceso, Corme, Laxe, Camelle, Arou, Santa Mariña de Camariñas, Camariñas, Muxía, O Sardiñeiro, Fisterra, Corcubión, Brens, Ézaro, O Pindo, Portocubelo, Muros, Os Muíños, Esteiro, O Freixo, A Barquiña de Outes, O Conchido, A Barquiña de Noia, Noia, Boa, Portosín, Porto do Son, Corrubedo, Aguiño, Castiñeiras, Ameixido, Insuela, Palmeira, A Pobra, Escarabote, Cabo de Cruz, Ancados, Bodión, Taragoña, Rianxo e Rañó.

Na Zona Sur pódese practicar a pesca non profesional en superficie en Pontecesures, Vilaxóan, Vilanova, As Sinas (Vilanova de Arousa), San Miguel de Deiro, Cabodeiro, O Campo (A Illa de Arousa), Tragove, San Tomé, A Toxa, O Grove, Meloxo, Pedras Negras, Portonovo, Covelo, Combarro, Campelo, Bueu, Aguete, Cangas, Meira, Domaio, San Adrián, Arcade, Cesantes, Canido, Panxón, Santa Marta, Baiona, Oia, A Guarda, Goián e Tui.

Esta clasificación é froito da análise pormenorizada das instalacións así como do debate e traballo coordinado con distintas entidades representativas do sector da pesca recreativa de Galicia. A relación dos portos poderá ser revisada puntualmente de ser preciso.