Autorizadas as expropiacións para executar unha senda na AC-524 en Frades


O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, celebra a decisión do Consello da Xunta, que autorizou o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar unha senda peonil na estrada autonómica AC-524, ao seu paso pola parroquia de Abellá (Frades). Esta actuación de fomento da mobilidade sustentable e de mellora da seguridade viaria suporá un investimento autonómico de preto de 245.000 euros, incluíndo o pagamento da expropiación do predio afectado.

O alcalde de Frades agradeceu a celeridade á hora de acometer esta importante mellora da seguridade viaria no municipio. Un tramo coñecido popularmente como “a costa de Abellá”, onde se mellorarán as condicións de seguridade ao favorecer o acceso dos veciños e veciñas a puntos importantes da parroquia como son: o cemiterio de Abellá, a Igrexa, a panadería, o supermercado, o campo de fútbol ou o local social, entre outros. Así mesmo, Rey Martínez lembra que esta actuación “se trata dunha primeira fase, pois dende o Concello temos a intención de conectar o núcleo da Pibideira co do Peñasco nunha segunda fase que acometeremos nos próximos anos”.

As obras habilitarán un itinerario peonil pola marxe esquerda da estrada AC-524 de 770 metros de lonxitude, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7,8 e 8,5, que permita a conexión entre el núcleo rural de Pibideira e os núcleos do Pazo e Sobre dos Campos, conectando coa senda existente na travesía de Abellá. A sección tipo neste treito da estrada constará de dous carrís de 3,50 metros, beirarrúa de 1,40 metros, unha senda de 2,50 metros en cor terrosa e gabia transitable de 1,20 metros.