A Consellería do Mar autorizou a apertura de novas zonas para a extracción de mexilla -semente de mexillón-, con carácter extraordinario e conxuntural, pertencentes ao ámbito territorial das confrarías da Guarda e O Grove durante a presente campaña. Con esta nova medida, que se suma ás adoptadas esta pasada semana –referentes ás confrarías da Coruña, Lorbé, Corme, Muros, Laxe, Caión e Muxía– ábrense máis de 22 quilómetros adicionais de costa á extracción de mexilla para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría rexistrada este ano.
A Consellería afirma que se trata de medidas froito do diálogo da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica cos representantes das principais organizacións de produtores de mexillón de Galicia (Opmega, Amegrove e Socomgal) e as confrarías de pescadores, polo que foron adoptadas tomando como base as propostas razoables e viables remitidas por estas entidades nas últimas semanas á Consellería do Mar.
Esta apertura de novas áreas de traballo na provincia de Pontevedra será un feito xa a partir deste luns para así dispor destas zonas no período de baixamar e, por tanto, en condicións óptimas para a extracción da mexilla.