Tal e como informaron os bombeiros de Carballo, unha sendeirista tivo que ser rescatada nunha zona sen acceso para vehículos no Miradoiro do Monte Castelo, en Cabana de Bergantiños, cunha posible fractura nun nocello. Acto seguido foi evacuada ao PAC de Ponteceso. No operativo tamén participaron unha Ambulancia SVB, o GES de Ponteceso, Protección Civil de Laxe e a Garda Civil.
A maiores, un ciclista requiriu asistencia sanitaria tras caer cando percorría a ruta dos Muíños en Borneiro. Ferido na cadeira, foi el mesmo que informou ao 112 Galicia de que se atopaba a unha distancia considerable do lugar ata o que se podía achegar a ambulancia. Outros ciclistas que estaban no lugar axudaron aos servizos sanitarios a trasladar ao ferido, que sería atendido polo persoal sanitario. Para este operativo informouse, ademais de a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES de Ponteceso, que se chegou a desprazar ata o punto, aos Bombeiros de Carballo e á Garda Civil.