Os feitos ocorreron no lugar de Fofelle, ata alí trasladouse a patrulla da Garda Civil do posto, tras recibir comunicación telefónica da posibilidade de que un aldeán que vivía só puidese falecer no seu domicilio.
Unha vez no lugar atópanse a un grupo de veciños no exterior da vivenda, entre os cales se estaba un axente da Policía Local, un cerraxeiro e unha curmá do morador que lles manifesta que este individuo padece esquizofrenia e outras patoloxías mentais.
Ante as circunstancias relatadas polos presentes e o risco de que o morador se atopase en mal estado, deciden acceder ao interior co apoio do cerraxeiro presente. Rexistraron todas as dependencias da casa ata localizar a este individuo na bufarda, sentado nunha banqueta cun coitelo de grandes dimensións na súa man, coa intención de autolesionarse e co pescozo ensanguentado. Observaron tamén no chan un gran charco de sangue e outros dous coitelos de grandes dimensións, así como un cinto atado en forma de soga. Ante a gravidade da situación procederon a dar aviso urxente ao 061, mentres falaban con esta persoa tentando tranquilizala, aproximándose lentamente ao individuo, ata lograr nun pequeno descoido del, arrebatarlle o coitelo. Os gardas civís continuaron dialogando coa persoa ata a chegada dos servizos sanitarios, os cales tras realizar a pertinente exploración trasladárono ao CHUAC.