Avalancha de triplos made in Obradoiro

3 minutes read

Monbus Obradoiro lograba a súa novena vitoria este sábado en Santiago. Vitoria por 97 a 83 ante Baxi Manresa fraguada desde o minuto 1 de partido, onde o conxunto local foi sempre por diante no marcador.

Rodete Obradoirista, quen foi capaz de anotar a friorenta de 19 triplos de 34 intentos, un sorprendente 55,88 %, a un triplo do seu particular récord ACB. Sen dar ningunha opción a un desarbolado equipo catalán, que anotaba un paupérrimo 5/15, 33,33% con 14 tiros menos de acerto, no devandito apartado.

Fantástico partido do equipo galego a todos os niveis, cunha primeira parte de escándalo que deixaba todo practicamente visto para sentenza, 54-32. Unha vantaxe de 22 puntos que permitiría ao con xunto local controlar o xogo ao seu antollo.

Voaba o balón no salto inicial tras o respectuoso silencio de 24 segundos polo grandísimo e sempiterno dorsal 24(tamén 8) dos Lakers de Los Ángeles, tristemente falecido a semana anterior. Primeiro cuarto cimentado no acerto e a gran defensa compostelá, dando as primeiras vantaxes. Con todo, unha serie de perdas de balón absurdas permitiron aos de Pedro Martínez poñerse a 1 punto, nun enganoso 14-13 no minuto 7. A pesar de todo, os triplos seguían entrando, e MVP Brodziansky (19 puntos, 5/6 en triplos, 4 rebotes para asinar 21 de valoración) anotaba a continuación. Uníase á festa Mike Daum e a súa “ canastón” final, para pechar o cuarto, 25-16.

Máis do mesmo no segundo acto, Obradoiro seguía ao seu, defendendo ben, reboteando e anotando con enorme acerto. Kravic, como sempre, excelente, anotando 14 puntos e capturando 8 rebotes (máximo do encontro). Daum crecendo a pasos axigantados, asumindo un rol importantísimo no equipo, nunca lle queima o balón, sempre se ofrece, posteando, abrindo xogo e lanzando con acerto.

29-16 de parcial neste segundo cuarto aumentando a vantaxe a 22 puntos cun triplo in extremis de Navarro como guinda ao pastel da excelencia galega. Camiño a vestiarios cun humillante 54-32.

Comezaba a segunda parte e Manresa ía tentar. Pese ao contundente tenteador encaixado na primeira parte, Kravish e Baez tiraban de oficio e, sobre todo, este último, aumentaban a intensidade física de forma contundente. Tivo os seus máis e os seus menos con De Zeew, quen intelixentemente non caeu na trampa. Ryan Toolson, que arrastraba molestias, estivo desacertado e o ex obradoirista Dulkys, unicamente foi quen de anotar un triplo nos 40 minutos.

Mentres tanto, Obradoiro chegaba á máxima vantaxe do partido, 60-34, minuto 22. Aínda así, Manresa agarrábase ao encontro e conseguiu levar o terceiro cuarto por 19-24, deixando o electrónico en 73-56.

Último cuarto e Manresa veña e dálle, chegou a poñerse 75-60 no minuto 32 pero os santiagueses lonxe de deixarse intimidar seguían controlando o partido. Técnica rigorosa a Navarro por simular unha falta en ataque e protestas da bancada local. A continuación producíase o aplauso da bancada á nova fichaxe de Obradoiro, o base lituano Laurynas Beliauskas que facía a súa aparición no palco do Multiusos de Sar.

Seguía o acerto local, Magee, máximo anotador do encontro con 23 puntos e 18 de valoración asinaba un sensacional 7/11 en triplos, volvendo polos seus foros e lembrando ao de principio de tempada, cando aínda non estaba tan vixiado. De aí ata o final, Obradoiro limitouse a rendibilizar a súa renda e controlar o partido, con certa relaxación postremeira que maquillou un pouco o resultado para os manresanos. Tamén levaron este cuarto pero sen ningunha incidencia no marcador. Fin do partido, 97-83 e Obradoiro que roza coas xemas dos dedos os postos que dan acceso a play off, ademais de vencer a un rival directo por segunda vez nesta tempada e aumentar o colchón sobre o descenso (5 vitorias o penúltimo: Estudantes).

Novena vitoria dos de Moncho Fernández que a próxima xornada visitan Vitoria, co obxectivo de conseguir o homónimo e superar tamén a Baskonia na táboa, debido a que comparten mesmo número de vitorias. Aínda que os vascos foron capaces de vencer en Santiago na primeira volta. Toca cambiar e devolverlles o agasallo, e se é posible, o basket-average.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO