O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo un encontro cos responsables das comunidades de montes dos concellos de Oímbra e Verín, para avaliar a situación tras os incendios forestais rexistrados este verán nestas zonas. Esta xuntanza súmase ás mantidas en días anteriores con comuneiros doutras zonas afectadas, como a do Courel, e a Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa.
Este encontro, no que tamén participou a alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, e técnicos da Consellería e do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, serviu para analizar os danos causados sobre o terreo e para avanzar en liñas de traballo conxuntas para facerlles fronte. En concreto, a investigadora do CIF de Lourizán Cristina Fernández, que xa inspeccionou o terreo afectado, explicou os detalles técnicos da afección e as posibles medidas a tomar para previr a erosión no chan. Neste sentido, trasladou que a afectación nos solos foi en xeral baixa e só moderada en puntos concretos, nos que se avaliará a posibilidade de adoptar medidas paliativas como o tratamento por mulching.
Ademais, o conselleiro do Medio Rural lembrou aos comuneiros a posibilidade de solicitar os catro millóns de euros en axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios.