Avalición de danos polos incendios do Barbanza-Arousa


O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo un encontro cos responsables da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, para avaliar a situación tras os incendios forestais rexistrados nos últimos días nesta zona.

Na reunión participou tamén Cristina Fernández, especialista do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que nos últimos días inspeccionou, xunto con outros técnicos, o terreo afectado e que explicou os detalles da afección e as posibles medidas a tomar para previr a erosión no chan. Neste sentido, trasladou que a afectación nos solos foi en xeral baixa e só moderada en puntos concretos, nos que se avaliará a posibilidade de adoptar medidas paliativas, a maiores das que se están a executar con carácter urxente por parte de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en coordinación cos do CIF de Lourizán.

Neste contexto, o conselleiro indicou tamén que a xuntanza serviu para avaliar as medidas a adoptar a medio e longo prazo, para o que pediu a colaboración dos concellos e da poboación en xeral co fin de procurar un territorio “o máis resiliente” fronte o lume. José González avanzou ademais que en breve manterá tamén un encontro de traballo cos representantes das comunidades de montes veciñais en man común da área afectada.