As noticias falsas, coñecidas popularmente pola súa acepción en inglés, fake news, son un tipo de bulo consistente nun contido pseudo-xornalístico, o cal se difunde a través de prensa escrita, radio, televisión, portais de noticias na internet e redes sociais co obxectivo claro de lograr desinformación. A clara intencionalidade do engano, manipulación, indución ao erro, desprestixio ou enaltecemento dunha persoa, institución, entidade, etc, é notoria e manifesta. Así como a obtención de ganancias económicas, políticas ou de poder son os seus acenos de identidade máis evidentes. Funcionando sen control, e cada vez con maior intensidade e virulencia.
O enorme desenvolvemento recente das tecnoloxías da información, a súa propagación e inmediatez son ferramentas moi prezadas á hora do avance destes bulos da posverdade. Constitúe unha seria ameaza aos medios de comunicación serios e ao rigor de xornalismo profesional. Durante a campaña electoral de EE.UU., as noticias falsas tiveron maior número de interaccións en redes sociais como facebook que as verdadeiras.
Dos 22 millóns destas, a metade gardaban relación co combate final pola presidencia americana entre Trump e Clinton. A hemeroteca garda varios exemplos a tal fin. En outubro de 2016 aparecía información sobre o achado de miles de votos fraudulentos a favor de Clinton nun almacén de Ohio. A CNN recolleu que unha das webs que difundiu esta fake alcanzou 6,1 millóns de lectores. Tamén apareceu o apoio do Papa Francisco á candidatura de Trump. Así como o ofrecemento do actual presidente americano de viaxes de ida de avión gratis, con destino a México e África para quen quixese abandonar voluntariamente EE.UU. Todas estas noticias resultaron ser falsas.
Recentemente tiña lugar en Madrid un Foro sobre as fake news. Organizado pola Oficina do Parlamento Europeo en España, xunto coa Alianza de Medios Líderes (LENA), tiña por obxecto analizar as consecuencias das noticias falsas e falar de como combatelas en Europa, para deste xeito evitar que esparexa os seus efectos nocivos e partidistas. E é que as consecuencias das fake news son altamente perigosas non só para o correcto desenvolvemento da actividade xornalística senón tamén para a democracia e os seus valores intrínsecos.
Segundo un estudo de o ”Massachusetts Institute of Technology”, as fake news chegan a moita máis xente que as verídicas. Ademais poden alterar o criterio para distinguir entre o que é certo e o que non dentro da información. Aproximadamente o 86% dos españois non é capaz de diferencialo con claridade. Para combater as consecuencias de todo isto é necesario o establecemento de novas regras para aplicar nas plataformas dixitais. Algo que ata fai ben pouco contaba cun rexeitamento maioritario e que agora mesmo está a tornar como ferramenta fundamental.
A cantidade case ilimitada de contido provoca a viralización( propagación masiva) dalgunhas destas “informacións”. Por se isto fose pouco, as cifras de visualizacións superan con fartura á de reportaxes de gran calidade e enorme rigorosidade. Isto levou a que redes sociais como facebook ou twitter reaccionasen e conten coas súas propias iconas e sinais onde se alerta acerca desta suposta información. A previsión para o 2022 é desalentadora, pois se cre que haberá máis noticias falsas que verdadeiras. Asistimos por tanto a un problema de manipulación global. O 60 % dos españois cre saber distinguilas pero a realidade é ben distinta debido a que tan só o 14% é capaz de facelo. Ademais, os medios que se empregan para a detección dunha fake fundaméntanse na súa irrealidad, o medio de comunicación ao que se circunscribe a suposta noticia e ao ornamento de titulares alarmistas e nalgúns casos, ridículos.
Outro aspecto negativo destacable é a existencia de axencias especializadas para a difusión da desinformación, as cales teñen maiores visos de éxito que o usuario particular. Contan con financiamento poderoso e os seus obxectivos de ganancia económica ou poder político fanas realmente tóxicas. Para devolver a credibilidade é fundamental crear contidos de calidade e apoiarse no complemento da noticia con vídeos ou todo aquilo que sirva para o aumento tanto do rigor como da ausencia de dúbidas na percepción da veracidade.
A batalla preséntase dura. A sutilidade e o incremento do éxito das fake fan que nos próximos anos teñámonos que enfrontarnos ante un dos maiores cancros aos que o xornalismo se teña que enfrontar. E que o futuro pase pola súa correcta extirpación. Non vai ser fácil, o inimigo é moi poderoso.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO