A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar unha consulta pública sobre as medidas de apoio á cobertura de telefonía móbil en zonas rurais, que estará aberta ata o próximo día 10 de decembro de 2020. O obxectivo é coñecer se os operadores contemplan plans de despregamento nun total de 385 núcleos situados en zonas illadas e espazos naturais de 94 concellos que se adheriron ao Plan autonómico para mellorar as comunicacións móbiles no rural.
Estes municipios trasladaron á Xunta arredor de 1.000 núcleos nos que realizar comprobacións de cobertura para abordar o Plan de mellora. Os técnicos da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), en colaboración coa Amtega, realizaron medidas de verificación en todos estas entidades de poboación, incluíron probas de realización de chamadas e medidas da calidade do sinal, e que deron como resultado que en 385 núcleos non se cumpren os requisitos mínimos con ningún operador para a realización de chamadas de voz coa calidade suficiente (imposibilidade de establecer chamada, nivel de sinal inferior a -115 dBm ou capacidade de ligazón ascendente inferior a 0,5 Mbps).
Unha vez finalizada esta consulta, o seguinte paso será o lanzamento dunha primeira convocatoria pública de axudas a operadores para facilitar cobertura nas zonas nas que non haxa previsto ningún despregamento. Os operadores interesados deberán presentar os seus proxectos para as zonas que elixan e as entidades locais, que resulten beneficiadas, deberán aportar terreos para a execución das torres precisas por parte de Retegal, nas que se instalará o equipamento de comunicacións móbiles. En total, destinaranse 5 millóns de euros públicos para estas actuacións.