Avance para o impulso do Parque do Megalitismo da Costa da Morte


O vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse en Carballo con representantes dos dez concellos participantes no Parque do Megalitismo da Costa da Morte, Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas, co obxectivo de impulsar o proxecto despois do parón provocado pola pandemia. Entre outras decisións, aprobouse o relevo na presidencia que pasa de Dumbría a Laxe e a aceleración das xestións municipais para completar a compra de dolmens e menhires este mesmo ano.

Os representantes dos concellos comprometéronse a poñerse en contacto coas persoas propietarias dos terreos onde se atopan os bens patrimoniais para efectuar a compra ou expropiación que será financiada con fondos que a Deputación da Coruña trasladará posteriormente aos concellos a través de convenios con cada un deles pola cantidade indicada. En total, o proxecto conta este ano cun orzamento de 350.000 euros que se investirán maiormente na adquisición dos elementos do Megalitismo recollidos no proxecto, en total 14 dolmens e 2 menhires, algúns deles que pasaron xa a ser patrimonio público.

Os recursos clave na catalogación do Parque Arqueolóxico constan esencialmente das tumbas monumentais ou dolmens. Neste sentido, son 14 xacementos os que integran o parque, Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas. Ademais destes bens patrimoniais, non cabe dúbida de que o Dolmen de Dombate coñecido como a “catedral do megalitismo”, aínda que teña o seu propio plan director, será un recurso clave no proxecto.