Avances cara a consecución do porto mixto de Corcubión

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu este martes a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación co proxecto de construción dun porto mixto para o sector profesional e a náutica de recreo no municipio coruñés de Corcubión. Ao respecto, asegurou que o ente público continúa avanzando na tramitación administrativa do proxecto co inicio hoxe mesmo do trámite de información pública do estudio de impacto ambiental.

Álvarez Vidal informou de que o Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio do inicio da información pública do estudio de impacto ambiental, o prazo para consulta do proxecto e, no seu caso, presentación de alegacións. Tal como recolle o propio anuncio este prazo será de 30 días hábiles e a documentación do proxecto pode consultarse na web de Portos de Galicia.

O presidente de Portos de Galicia lembrou que o proxecto está sometido a tramitación ambiental ordinaria segundo informou a Consellería de Medio Ambiente na avaliación ambiental polos “posibles efectos adversos sobre o medio ambiente”. Esta tramitación supón un proceso longo e complexo no que interveñen numerosos organismos e distintas administracións públicas. Unha vez rematado o prazo para a presentación de alegacións, Portos de Galicia iniciará as consultas oficiais ás entidades afectadas, entre elas, o Ministerio de Transición Ecolóxica; as consellerías de Presidencia, Sanidade, Medio Ambiente, Cultura e Mar; o Concello de Corcubión; as confrarías de Corcubión, Fisterra e O Pindo; a Federación de Confrarías da Coruña, o club náutico Carrumeiro, Adega; ou as sociedades galegas de Historia Natural e de Ornitoloxía.

Finalmente, o presidente de Portos de Galicia lembrou que o ente público contempla un investimento plurianual de preto de 10 millóns de euros para esta actuación, dos que en 2026 consígnanse 20.000 euros para continuar con esta tramitación que permita, unha vez rematada, licitar as obras.

Related posts

Carballo aborda o plan de tráfico establecido na Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano

O BNG lamenta a aldraxe á Costa da Morte cos prazos das obras do primeiro tramo do corredor, que rematarán en 2029

O Concello de Zas prepara un completo programa de actividades polo 25N