Avances en Fitur no proxecto de declaración da Costa da Morte como reserva de surf


O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, deu na Feira Internacional de Turismo, Fitur, pasos adiante encamiñados a afortalar a candidatura da Costa da Morte para Reserva Mundial de Surf. Entre outras accións, Regueira reuniuse con Luís Cayón, xerente da primeira Reserva Local de Surf declarada no Estado Español.

Cunha xuntanza no marco da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o xerente do Plan de Competitividade Turística do Produto Surf no municipio de Ribamontán al Mar (Cantabria), puxeron en común información clave para desenvolvemento do proxecto que consolidará a aposta da Costa da Morte polo turismo deportivo e, en concreto, polo surf.

Na reunión, Luís Cayón, responsábel da primeira Reserva Local de Surf do Estado español, explicou as vantaxes que a declaración ten para o territorio, en especial con respecto ao desenvolvemento económico da zona xa que contribúe á fixar emprego, diminuír a emigración, acadar novos investimentos e mesmo aumentar as instalacións do sector industrial, datos que se poden comprobar, segundo afirmou, no territorio cántabro que veu tamén como o turismo internacional se incrementaba de 8 a 18%. Ademais, tras dez anos de traballo no ámbito do surf, Luís Cayón confirmou que a declaración e reserva supón tamén un avance na conservación natural da zona e na protección das ondas como recurso esencial que garante o futuro do turismo vinculado ao turismo do surf.

O tamén deputado de Turismo, Xosé Regueira, afirmou que a experiencia de Ribamontán al Mar, “é para nos especialmente interesante porque un dos pasos vindeiros da folla de ruta que temos para a Costa da Morte é a declaración de Reserva Local de camiño a afortalar a candidatura para Reserva Mundial de Surf diante de Save the Waves”. Neste sentido, a fins de setembro presentouse xa o proxecto íntegro de candidatura para a declaración de Reserva Mundial de Surf da Costa da Morte cun informe que avala a calidade das ondas e das praias e a potencialidade do territorio para cumprir os requisitos esixidos para a súa aprobación.

No informe destácanse, entre outras informacións, a calidade de praias como Caión, Razo, Baldaio, Malpica, Seaia, Barra, A Tremosa, Soesto, Traba, Nemiña, o Rostro e Mar de Fóra. Ademais da Deputación da Coruña, a candidatura conta con avais da CMAT (Costa da Morte Asociación Turística), os concellos de Camariñas, Carballo, Carnota, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía e Ponteceso, a Asociación de Turismo Rural Muxía Natural ademais de agrupacións deportivas e ecoloxistas.