Avances para axilizar as obras do parque Ofimático da Coruña


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, avanzou que o departamento autonómico xa procedeu ao pago adiantado ao Concello da Coruña de 3 millóns de euros para facilitar a axilización da urbanización do parque Ofimático —agora coñecido como Xuxán—, tal como se comprometera a través do protocolo asinado a mediados do pasado mes de xullo.

Pola súa parte, o Concello comprometeuse a axilizar a contratación das actuacións de finalización da primeira etapa, informando a Xestur do estado de tramitación e execución.

O acordo tamén estableceu que, unha vez adxudicadas as obras de urbanización previstas, o Concello poderá conceder novas licenzas de edificación nas parcelas resultantes, co fin de contribuír a axilizar a construción de inmobles.

Do mesmo xeito, as licenzas de primeira ocupación das vivendas construídas sobre as mesmas solicitaranse unha vez recepcionadas pola Administración local as obras de urbanización, cando as parcelas acaden a condición de solares e as actuacións de construción dos inmobles estean rematadas.

Este adianto, ademais de ser un avance nos compromisos adquiridos pola Xunta, permitirá rematar coa maior brevidade as obras de urbanización da primeira etapa, co obxecto de que as parcelas afectadas poidan acadar a condición de solar e así activar a construción dun maior número de vivendas de protección oficial.