Avances para pechar o Pacto de Estado por Ferrol


Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A Xunta de Galicia remitirá a próxima semana aos concellos, á Deputación da Coruña e ao Goberno central as medidas nas que traballa, coa intención de converter Ferrolterra nun polo enerxético que reverta na súa recuperación económica, para tratar de poder pechar «canto antes» o pacto de estado por Ferrol que puxo sobre a mesa a semana pasada. Desde entón, representantes da Xunta mantiveron contactos con axentes implicados para avanzar en perfilar unha proposta cuxo contido detallaron o presidente, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente económico, Francisco Conde, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo.

Feijóo fixo fincapé na importancia de concretar un “polo enerxético” na comarca de Ferrolterra con distintas modalidades de produción de enerxía: biocombustibles nas Pontes, gas licuado en Reganosa, hidróxeno verde -con proxectos que se inclúen na candidatura galega aos Next Generation- e eólica mariña.

Pola súa banda, Francisco Conde, aseverou «confiamos en que poderemos dar entre todos unha resposta para que a comarca poida saír fortalecida desta crise». «Haberá un compromiso por parte da Xunta e pediremos ese mesmo compromiso orzamentario ao resto de administracións».