O Concello de Carballo celebrará este luns 30 de marzo unha sesión plenaria clave para o desenvolvemento de infraestruturas esenciais. O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Planificación, Juan Seoane, expuxeron os asuntos que abordará a corporación.
Por unha banda, o proxecto de reforma da Praza de Vigo volve a pleno para a súa aprobación definitiva tras os axustes solicitados pola Deputación da Coruña, que financiará as obras. Juan Seoane explicou que se trata dun trámite mínimo pero necesario: “Agora traémolo para a aprobación definitiva e así poder tramitar a subvención nominativa para a obra”, que pretende mellorar as condicións de uso da praza para a veciñanza da zona en xeral e, en particular, para as persoas usuarias dos centros de maiores situados nese ámbito.
Respecto da parcela para o novo Centro Integral de Saúde, o alcalde subliñou que o Concello xa cumpriu coa súa parte ao rematar as obras de urbanización da contorna: “Este é o último paso administrativo que nos corresponde. A Xunta sabe dende hai meses que o solo está á súa disposición e que as obras de urbanización xa están rematadas. O que esperamos agora é que o proxecto de ampliación se poña en marcha canto antes, porque é unha infraestrutura sanitaria moi demandada e necesaria”, manifestou.
Dinamismo industrial e servizos
O pleno tamén aprobará bonificacións fiscais do 95% no ICIO, o IBI e o IAE para a construción de dúas naves no Polígono de Bértoa:
- Unha sede para unha empresa constructora, cun orzamento de 375.208 €.
- Unha nave destinada ao comercio de menaxe, cun investimento de 502.000 €.
Doutra banda, sairá a licitación por un período de 10 anos a xestión da cafetaría do Pazo da Cultura, un contrato que busca dar estabilidade a este servizo municipal tras anos de concesións máis breves.
Mocións da oposición
A sesión complétase co debate de tres mocións presentadas polos grupos da oposición:
- O PSOE demandará un plan integral de vivenda e a dotación dunha ambulancia medicalizada con base en Carballo.
- O PP proporá a elaboración dun plan de benestar animal e o estudo para crear unha canceira municipal.