Avanza a bo ritmo a construción do centro comunitario de Caión

O centro comunitario será un edificio singular, deseñado especificamente para Caión, que contará con oficinas administrativas, aulas polivalentes e espazos de exposicións. A súa superficie total, incluíndo zonas comúns, aseos e almacéns, alcanzará os 882,60 metros cadrados divididos en dúas plantas. O proxecto presenta unha clara vocación integradora xa que o novo edificio albergará as novas dependencias da Confraría de Pescadores de Caión e o punto de información turística municipal. Ademais, disporá de aulas temáticas, exposicións permanentes e salas polivalentes equipadas para albergar diversidade de iniciativas de interese xeral relacionadas coa cultura, a formación, a educación e, sobre todo, o respecto ao medio ambiente e o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as áreas costeiras.

Nestes momentos estase avanzando na cimentación do novo edificio, fase que se leva a cabo trala laboriosa escavación debido á dureza do terreo sobre o que se vai levantar o centro comunitario.

Pola súa parte, a urbanización parcial do Campo da Insua, que afecta a unha superficie de dous mil metros cadrados, está xa moi avanzada tras completarse a totalidade das canalizacións soterradas dos diferentes servizos (abastecemento de auga, saneamento, rede de recollida de augas pluviais, electricidade, telecomunicacións e iluminación pública). Sobre a plataforma da nova vía que se abrirá para enlazar directamente a rúa do Carme coa Avenida Méndez Núñez, a beirarrúa máis próxima aos edificios residenciais será construída nos próximos días, mentres que a pavimentación da calzada realizarase no momento no que sexa compatible coas obras de construción do centro comunitario.