Trátase das obras iniciadas o pasado mes de xuño e que consisten na execución dunha senda mixta, peonil e ciclista, de máis de 1,3 quilómetros, conectando núcleos de poboación entre eles e zonas de equipamentos e servizos.
O itinerario transcorre pola marxe esquerda da AC-214, adaptado a súa configuración ás edificacións existentes, co fin de posibilitar o enlace a pé entre o núcleo de Cambre e A Xira, rematando na estrada AC-213.
Neste momento os traballos de movemento de terras e as canalizacións proxectadas, nas que se inclúen as conexións de telecomunicacións e pluviais, están finalizados e está rematándose a colocación de bordos e pavimentación da senda en formigón.
Segundo a programación da Consellería e Infraestruturas e Mobilidade, posteriormente comezará a execución do reforzo de firme e rematarase a obra coa gabia rebasable de 1,20 de ancho en formigón, o axardinamento da franxa situada entre a gabia e a senda e a sinalización e o balizamento previsto.
Deste xeito, ao remate das obras, a senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río Mero, e a través destes e doutras sendas que está a promover a Xunta, cos núcleos e centros de servizos do Temple, O Burgo ou o Polígono de Alvedro.
No que se refire ao deseño, a actuación execútase como unha senda de 2 metros de ancho, que se inicia no punto quilométrico 7+220 da vía autonómica AC-214 e discorre paralela a esta pola marxe esquerda, executándose entre treitos xa existentes, para atravesar a ponte existente sobre o río Mero e rematar no quilómetro 8+540.
No seu percorrido, o itinerario discorre por treitos de solo rústico e treitos de solo urbano. Nestes últimos repáranse as beirarrúas existentes, para o que se procede ao fresado da capa de rodadura e á súa posterior reposición. Ademais, acondicionarase a contorna da parada de autobús situada entre os puntos quilométricos 7+575 e 7+605.
Na intervención inclúese, tamén, a execución de dous muros de mampostería de 21 e 17 metros de lonxitude, respectivamente, e de altura variable de 1 a 2,50 metros, entre os puntos 7+329 ao 7+350 e do 7+971 ao 7+988 para soster a senda e mantela elevada sobre o leito do río existente.