Avanza a construción do viveiro de empresas da Laracha

1 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, o edil responsable da área de Obras Públicas, Jesús Souto, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, realizaron unha visita ao lugar no que se está a construír o viveiro de empresas municipal, no ámbito do polígono industrial.

Na fase actual das obras, que avanzan a bo ritmo de actuación, estase construíndo a estrutura do edificio e realizándose as divisións das salas interiores, polo que xa poden comezar a apreciarse como serán os diferentes ámbitos do novo inmoble.

O viveiro de empresas está a ser creado nun emprazamento privilexiado como é a marxe esquerda do acceso principal ao parque empresarial, nunha parcela de titularidade municipal. A súa superficie construída ascenderá a 613,55 metros cadrados, nos que serán habilitados catro despachos e catro salas para actividade industrial, ademais de servizos xerais como un vestíbulo recepción, aseos, vestiarios, sala de reunións, aula polivalente e dous patios interiores abertos. O inmoble estará estruturado en dúas zonas e cada unha delas poderá empregarse de xeito independente.

O proxecto está valorado en 395.000 euros e é cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Con esta nova infraestrutura o Concello da Laracha pretende dar aos emprendedores o impulso definitivo para que se decidan a levar a cabo os seus proxectos, permitíndolles dispoñer dun espazo empresarial integrado no ámbito dun dos polígonos industriais con maior potencial de desenvolvemento no norte de Galicia.