Avanza a execución da ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense

1 minutes read

Neste momento están xa moi avanzados os traballos de desaloxo do mobiliario, desmonte de teitos e demolición de tabiquerías na planta soto-1 do Materno-infantil. Tamén se realizou o desmonte, as desconexións, os desvíos e a anulación das instalacións afectadas, nas áreas das antigas cociñas, cafetería e comedores. Unha vez desocupadas estas zonas, procederase á súa demolición, xa que nese espazo implantarase a nova unidade de Medicina Nuclear.

Na zona do novo edificio de hospitalización, tras a retirada da antiga pasarela de unión do edificio Xeral co Materno Infantil e dos accesos ás antigas Urxencias e peiraos de carga, realizáronse os desvíos de servizos afectados e avánzase agora coas escavacións.

Tamén se procedeu ao corte e demolición dos forxados dos edificios Xeral e a antiga cafetería, así como corte e demolicións da galería enterrada, muros e cimentacións existentes afectados pola implantación do novo edificio, situando a escavación na cota de cimentación da nova edificación. Ademais, está analizándose o terreo para dimensionar a zapata do guindastre para executala e poder montar a infraestrutura nesta segunda quincena de novembro.

En paralelo, séguese avanzando coas inspeccións estruturais do Edificio Materno, así como a inspección e rexistro do resto de instalacións e servizos afectados pola ampliación, nas que foi posible acceder sen interromper a dinámica normal do servizos sanitarios.

Para o traslado de espazos, están a instalarse os módulos de vestiarios de persoal provisionais para poder habilitalos nos próximos días.