Avanza a execución das obras da fase 0 do “Novo Chuac”


Os traballos, que comezaron a mediados de xaneiro deste ano e contan cun investimento autonómico de 13 millóns de euros, inclúen a creación dunha nova área de hospitais de día e dunha nova planta de hospitalización, así como a ampliación das camas para coidados intensivos.

No inicio dos traballos posibilitouse intervir en varios andares, no primeiro, en concreto na antiga central de esterilización para ampliar os servizos de Farmacia, Urxencias e Mantemento.

Os traballos avanzan fundamentalmente no cuarto andar, onde as obras se realizarán nas antigas Urxencias para situar os Hospitais de Día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía, Polivalente e a Oficina de coordinación de transplantes.

Neste momento está xa rematada a obra de illamento térmico das fachadas, así como a piques de concluír o proxectado ignífugo de teitos, que se prevé terminar esta mesma semana. Tamén concluíron as tarefas de nivelación e formación do solo sobre o que de dispoñerá o pavimento final.

A previsión é seguir incrementando o ritmo dos traballos, coa baixada da presión hospitalaria, o que permite dispor de máis espazos para poder progresar nas obras.

Deste xeito, a principios de maio iniciaranse os traballos proxectados na sexta planta, onde se actuará en quirófanos para situar as Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de politraumatizados e Coidados Intermedios, ademais de crearse unha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas.

As intervencións nos espazos da quinta planta, na área dos antigos quirófanos, para situar unha nova unidade de hospitalización con 29 camas, manteranse pendente da evolución da pandemia da covid-19.