Avanza a execución do Centro Integral de Saúde de Lalín


As obras, que comezaron en maio, xa permitiron finalizar o baleirado da escavación e na actualidade continúan as tarefas de apertura de noiros para a disposición de zapatas e vigas de atado. Tamén se executaron os traballos de cimentación na zona que ocupará o Punto de Atención Continuada (PAC) e do brazo central.
Nesta semana están comezando os traballos de encofrado dos muros de forxado sanitario na contorna do brazo do PAC. Desde este punto avanzarase cara ao brazo oposto ao dispoñer neste a saída de terras de escavación.
As obras supoñen un investimento autonómico de 9 millóns de euros, e teñen como obxectivo ofrecer aos veciños da comarca do Deza un equipamento sanitario de vangarda a finais do ano 2022.
O Centro Integral de Saúde de Lalín é o segundo destas novas instalacións sanitarias de referencia que se constrúe en Galicia, o edificio está situado nunha parcela de máis de 15.000 m² do Alto de Vales e contará con boas comunicacións, pola proximidade da estrada N-525. O CIS contará cunha superficie de 5.500 m² na que se integrarán un Centro de Saúde e un Punto de Atención Continuada.
Nas súas instalacións haberá área asistencial, área pediátrica, especialidades médicas e unidades complementarias, como hospitalización a domicilio, saúde mental, hemodiálise ou atención á muller.