Avanza a execución do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, en Pontevedra, co inicio da perforación coa tuneladora. Unha máquina de grandes dimensións chegou de Alemaña a principios deste mes e foi preciso traballar na montaxe das pezas e na realización de diferentes probas e autorizacións para que puidese comezar a traballar. Nestes momentos, a tuneladora leva xa 100 metros de lonxitude perforados.
Previamente, executouse o pozo de ataque para a tuneladora, así como os traballos topográficos que marcan de xeito preciso o percorrido e as coordenadas exactas por onde traballará a máquina.
A perforación do túnel do tramo terrestre do emisario realizarase con esta tuneladora que comezou a escavar desde ese pozo e terminará saíndo polo fondo mariño no punto onde se iniciará o tramo submarino da tubaxe.