Avanza a formación dixital dos autónomos cun novo curso sobre comercio online


O impulso á dixitalización e o comercio electrónico a través da formación son claves para o reposicionamento dos negocios locais e de proximidade, así o expuxo a directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, Zeltia Lado, na apertura do primeiro seminario dixital 4 claves para un negocio online, dentro do programa Autónomos Dixitais, unha iniciativa da Xunta de Galicia para formar a persoas traballadoras autónomas en alta ou que tiveron que pechar os seus negocios por mor da pandemia da covid-19. Na primeira edición participaron 1.200 persoas, nun curso que se dirixe a catro perfís: o da mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e, tamén, as persoas traballadoras autónomas maiores de 45 anos. Cada perfil consta de dous cursos gratuítos en formato dixital: un básico sobre fundamentos do comercio electrónico e outro avanzado para a especialización no e-commerce. Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.