O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo unha reunión de traballo coa concelleira de Urbanismo e o arquitecto do Concello de Vilagarcía de Arousa para abordar este proxecto. Cun investimento de máis de 475.000 euros, está a centrarse na definición dunha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións.
Os adxudicatarios do contrato fixeron unha proposta na que o edificio se formula con forma de dobre U xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e do PAC, respectivamente.
A distribución e estrutura vertical interior é moi versátil, cunha disposición lineal que consegue maior aproveitamento do volume, iluminación natural controlada e ventilación adecuada na totalidade dos espazos.
Para crear celosías de control solar en fachadas proponse o uso de madeira recuperada de bateas, que é moi durable e promove a economía circular e local.
A día de hoxe, a redacción do proxecto básico esta moi avanzada e se prevé contar na primavera co proxecto de execución, para a súa supervisión.