Dentro destas actuacións xa se puxeron en marcha nos últimos meses as obras de reurbanización das rúas Ourense, Baños Vellos e Pontevedra. Agora estase actuando na rúa Chile e en breve arrincarán tamén as obras na rúa Lugo e a rúa Estrela, que completará toda a zona. Os traballos que se levan a cabo na rúa Chile, que inclúen a renovación dos servizos e a mellora da mobilidade peonil e rodada, forman parte do programa do plan director de mellora da contorna do balneario.
Un dos aspectos distintivos das actuacións en marcha é a creación dunha intervención artística, no encontro entre as rúas Ourense e Baños Vellos, para rememorar, precisamente, a historia termal do pobo.
Da creación da peza artística encargouse o artesán carballés Manolo Eirín, que recreou en cerámica o plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto compostelán Miguel Ferro Caaveiro durante a escavación do ano 1777, e que foi recollido por Gregorio Casado González e Rosa María Franco Maside, da Universidade de Santiago, na súa investigación “O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Reino de Galicia”.
A alcaldesa en funcións, Milagros Lantes, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, comprobaron de primeira man o estado das obras cunha visita á zona.