Avanza a segunda fase das obras na avenida das Flores en Carballo

carballo.org

  • Este mércores quedou pechado o acceso á travesía dende as rúas Orquídea e Flor do Toxo

As obras na avenida das Flores avanzan segundo o plan de traballo establecido. Dada a lonxitude do treito incluído na segunda fase do proxecto de reurbanización, que supera os 500 metros, a empresa Construcciones Cernadas S.L., en coordinación coa Policía Local e cos servizos de transporte escolar afectados, decidiu dividir a actuación en tres partes para intentar causar as mínimas molestias posibles.

Este mércores quedou aberto ao tráfico o treito comprendido entre as rúas Papoula e Hortensias, no que se estivo a traballar durante algo menos de tres meses, e comezaron os traballos entre Flor do Toxo e Xuncos. Este é o tramo máis longo, no que está previsto que os traballos duren catro meses. O primeiro mes, sen embargo, centrarase nos cruces coas rúas Orquídea e Flor do Toxo, dende as cales estará pechado o acceso á avenida das Flores e ás que haberá que acceder dende Xeranios e Violetas, respectivamente.

O orzamento da actuación que se está a desenvolver acada os 800.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña. A rúa contará con novos servizos urbanísticos, alumeado en columnas de aceiro inoxidable, como na fase xa executada, e en superficie habilitaranse dous carrís de tres metros de ancho con zonas de aparcamentos, e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros.