Avanza a tramitación da Lei de Ordenación do Litoral


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu este venres o pleno do Consello Galego de Pesca no que se analizou o anteproxecto de Lei de ordenación do litoral de Galicia e as súas implicacións para o complexo mar-industria da comunidade. A titular de Mar salientou que esta normativa pretende dar seguridade xurídica ás empresas e velar polos investimentos que realizaron nos últimos anos así como polos que acometan no futuro para impulsar a súa actividade. A previsión é que na primavera o texto chegue ao Consello da Xunta para a súa aprobación como proxecto de lei, polo que despois será remitida ao Parlamento. No trámite parlamentario tratará de enriquecerse a norma chegando a acordos con todos os grupos da Cámara e que se trate dunha regulación o máis transversal posible e que atenda todas as necesidades e intereses da comunidade autónoma.